«+CONTIDOS»
NOVAS
O PINTOR SEOANE
ESCOLA UNESCO
CONTACTO
TABOLEIRO ANUNCIOS


INICIO->Novas Utilidades do Sitio Web Pon ó Luis Seoane como páxina de inicio Agregenos ós seus Favoritos Contácte connosco 


 «PROXECTO CURRICULAR »


MEDIDAS PARA ATENDER A DIVERSIDADE

Definición de atención á diversidade

A atención á diversidade consiste na creación de ámbitos de ensinanza-aprendizaxe nos que tódolos alumnos/as teñan as mesmas oportunidades.

Trátase, polo tanto, dun conxunto de medidas educativas planificadas para procurarlle ó alumno contextos de aprendizaxe que favorezan ó máximo a socialización e o proceso individual de adquisición dos coñecementos necesarios para desenvolverse e participar na sociedade. Así, mentres a maioría dos alumnos poden recibir atención diversificada mediante a forma habitual de proceder dos profesores, utilizando medidas que podemos chamar "ordinarias" de atención á diversidade, outros alumnos, debido á calidade do seu coñecemento, á súa competencia, á súa dispoñibilidade para a aprendizaxe, a algún tipo de discapacidade ou por sufrir problemas de socialización, precisan unha axuda pedagóxica máis axustada ás súas características.


En termos xerais, non debemos pensar nos alumnos que necesitan axudas pedagóxicas específicas só desde a óptica do trastorno ou o déficit. Nalgúns casos trátase de alumnos con necesidades educativas especiais que poden ser só temporais. Ademais existen alumnos con necesidades educativas permanentes como os minusválidos auditivos ou visuais, que simplemente necesitan apoios de carácter pedagóxico e recursos específicos que difiren dos habituais (ordenador, libros de Braille...).

Todos temos ó longo da nosa vida escolar algún tipo de necesidade á que hai que atender. Esta necesidade pode provir de calquera das capacidades que se han de desenvolver para lograr unha formación integral. Así, un alumno maduro desde o punto de vista cognitivo pode ter necesidades educativas respecto de deficiencias madurativas noutras capacidades (de equilibrio persoal, relación interpersoal, motriz...).

Para que a educación sexa comprensiva (ou sexa, para todos e todas) e conseguintemente non discriminatoria han de artellarse medidas de atención á diversidade:

  • Que respondan a un plano de acción do centro contemplado no PEC e no PCC
  • Que teñan a finalidade de lograr o máximo desenvolvemento de cada alumno potenciando as súas posibilidades.
  • Que respondan ás capacidades, ritmos de aprendizaxe, intereses e motivacións do alumno.
  • Que afecten, se fose necesario, a tódolos ámbitos do currículo (obxectivos, contidos, metodoloxía e criterios de avaliación)
  • Que establezan un achegamento entre a cultura da que provén o alumno e a cultura escolar.

Por todo o anterior podemos clasifica-las medidas de atención á diversidade en:

  • Ordinarias
  • Extraordinarias


Medidas ordinarias de atención á diversidade

A.- O Proxecto Curricular de Centro

É en si a 1ª medida de atención á diversidade, xa que supón a concreción e contextualización do currículo:

  • A unha cultura determinada
  • A un contexto educativo concreto
  • E ás características persoais e sociais dun grupo concreto de alumnos e alumnas.

Garántese así unha formación común que da resposta ás indiscutibles diferencias de capacidades, intereses e motivacións existentes entre os individuos.


B.- A Programación de Aula

É a contextualización do currículo na que o profesor/a pode ter en conta máis de cerca aqueles aspectos que lle permitan individualiza-lo proceso de ensinanza-aprendizaxe en función dun colectivo concreto de alumnos e alumnas, é dicir, en función:

  • Dos seus coñecemento previos
  • Da súa historia de fracaso ou éxito escolar
  • Da súa competencia
  • Da súa capacidade para regula-lo propio proceso de ensinanza-aprendizaxe
  • Da calidade do seu coñecemento
  • Das súas posibilidades de continuar aprendendo
  • Da súa dispoñibilidade para a aprendizaxe

C.- O Reforzo educativo

Dentro deste apartado podemos incluí-lo reforzo educativo.
O reforzo educativo é aquel que significa facer modificacións metodolóxicas sobre os elementos prescritivos do currículo (obxectivos, contidos e avaliación).
É dicir, cando establecemos cambios no cómo traballamos para acadar un obxectivo ou para dominar un contido sobre algún alumno/a estamos facendo reforzo educativo e non ACI.; tamén podemos modifica-lo tipo de proba de avaliación sen cambiar ningún criterio (eso sería Adap. Curric.): por exemplo, con una proba tipo test ou oral que substitúa ó examen tradicional.
O reforzo educativo debe informarse, pero é decisión do profesor de área e non precisa aprobación.


Medidas extraordinarias de atención á diversidade:


Adaptación curricular individualizada

Entendemos por adaptación curricular individualizada a proposta curricular específica para un alumno ou alumna con necesidades educativas especiais. Nesta proposta introdúcense modificacións significativas nos elementos prescritivos do currículo común -obxectivos, contidos e criterios de avaliación- e pode afectar a unha, a varias ou a tódalas áreas.
A conveniencia da realización da adaptación curricular individualizada vén determinada pola avaliación psicopedagóxica do alumno. Esta é realizada polo departamento de orientación, en colaboración co equipo de profesores.
O deseño e desenvolvemento da adaptación curricular individualizada é responsabilidade do profesorado que imparte a área ou materia, coa colaboración e asesoramento dos departamentos didácticos e do departamento de orientación.

Agrupamentos específicos

En determinados casos, convén establecer agrupamentos específicos transitorios para apoia-lo alumno con dificultades xeneralizadas de aprendizaxe naquelas áreas curriculares que, ben por teren carácter instrumental, como é o caso da Lingua e das Matemáticas, ben polo seu peso conceptual, reclaman unha atención máis individualizada. Con esta medida preténdese, ademais, incidir na motivación e na mellora da autoestima deste alumnado que dificilmente pode segui-lo ritmo de aprendizaxe da aula ordinaria con simples medidas de reforzo educativo.
Os destinatarios serán, polo tanto, alumnos que se atopan nalgunha das seguintes situacións:

  • Que estean escolarizados no primeiro ciclo da ESO e presenten atraso académico xeneralizado.
  • Que tendo cursado o primeiro ciclo da ESO non alcanzaran os obxectivos mínimos e que esta medida se considere esencial para garanti-la eficacia da súa permanencia un ano máis no ciclo.
  • Que estean escolarizados no segundo ciclo da ESO e non teñan 16 anos, ou que aínda tendo esa idade, esta medida se considere a máis apropiada.

Os agrupamentos específicos consisten en facer desdobramentos transitorios que permitan en determinadas áreas constituír un grupo específico cos alumnos dos distintos grupos do mesmo nivel que presentan as características anteriormente mencionadas.
Os agrupamentos específicos poden facerse nunha dás áreas de Lingua e Literatura, e en Matemáticas, así como en Ciencias da Natureza e en Ciencias Sociais, Xeografía e Historia.
Para tódolos efectos o alumno pertence a un grupo ordinario de referencia, polo que os agrupamentos específicos non deben supera-lo 40% do horario común do grupo, e o alumnado non debe superar nos agrupamentos específicos máis de 12 períodos lectivos semanais.
Para a organización dos agrupamentos débese ter en conta que:

  • O número máximo de alumnos en cada agrupamento non debe ser superior a 15
  • É recomendable que os profesores do agrupamento impartan docencia no grupo de referencia.
  • Na medida en que os recursos do centro o permitan, o profesorado dos agrupamentos pode ter unha dedicación de 1 hora semanal para a elaboración da programación adaptada e a coordinación co equipo de profesores.
  • A proposta dos alumnos e das áreas obxecto de agrupamento debe ser proposta polo departamento de orientación e o equipo de titores, en reunión convocada pola xefatura de estudios.
  • Os agrupamentos específicos deben contar co coñecemento da Comisión de Coordinación Pedagóxica e, en todo caso, a aprobación definitiva corresponde á Inspección educativa.
  • Para os alumnos de nova incorporación ó centro, ó comezo do curso o equipo de profesores deberá realiza-la súa avaliación inicial antes do 30 de setembro, para facer a selección definitiva.
  • Cada alumno que asista a agrupamento debe contar cun informe individualizado, elaborado polo profesor titor en colaboración co departamento de orientación.
  • Os pais ou titores legais dos alumnos deben estar informados a través do profesor titor correspondente.

Programas de ciclo adaptado

Este programa vai dirixido ó alumnado no que conflúen, ademais dun atraso académico xeneralizado, problemas graves de conducta e de convivencia no centro.
Os alumnos deben estar matriculados, preferentemente, no segundo ciclo da ESO. Os alumnos poden permanecer no programa un ano ou dous como máximo.
Unha das claves do éxito deste tipo de medidas estriba na reducción do número de profesores que interveñen no grupo de alumnos. Especialmente debido a un mellor coñecemento do alumnado, á maior posibilidade de establecer criterios comúns de intervención entre o equipo docente e á menor dispersión de contidos.
O proceso para a creación dun Programa de Ciclo Adaptado aterase ó marcado polas normas vixentes.

Voltar ó índice




©«iesluisseoane.org»